top of page

Vítimas Militares

Foi o 28 de xuño cando o asasinato do arquiduque prendeu a mecha; un mes despois, soldados de toda Europa respondían á chamada a filas da súa patria. Pasaron os días, as semanas, os meses, os anos... e varios países tiveron que baixar a idade de recrutamento debido ao inxente número de baixas. No caso de Reino Unido, onde non había servizo militar obrigatorio, houbo que tirar de voluntarios (con abrumadora resposta) para finalmente acabar instaurándoo no 16. A sociedade de ensono de preguerra quedou sepultada nunha trincheira.

 Enterrados en vida, sos e sen saída. Foi no Nadal do 14 cando a realidade losqueou a ambos os bandos. Non sería rápido, moito menos indoloro. O que comezou como 'solución' pasaxeira a unha serie de operacións inconclusas, converteuse nun inferno baixo terra. Falamos das trincheiras. Sempre en alerta, sen momento para o descanso e empapados.

Os soldados víronse envolvidos nunha maraña de sangue e morte constante. E non só pola metralla. Contáronse por milleiros os falecementos por mor de gripes, pulmonías, tuberculoses... ao que hai que sumar todo tipo de enfermidades contaxiosas debido a piollos, pulgas e enormes ratas que se alimentaban dos corpos dos seus «camaradas». A rutina dá calafríos: da retagarda á reserva e da reserva á fronte. Sempre co medo ás costas. Había permisos, pero poucos e curtos. O único que mantiña a esperanza das tropas era o correo.

Coa alimentación, alemáns e rusos foron dos máis débiles. A escaseza de alimentos que azoutaba á poboación civil, debido ao bloqueo naval exercido por Reino Unido (no caso de Alemaña), estendeuse ao fronte. A opción en moitos casos: a fraternización e o intercambio de comida, cigarros e alcohol. Estaba prohibido, mesmo moitos foron fusilados por iso. Pero a desesperación e a fame mandaban.

O pobo deu forma á masa do Exército, mentres a nobreza ocupaba os altos cargos. Os primeiros non estaban preparados para a batalla; moitos dos segundos, tampouco. Os soldados alemáns estaban adestrados, Gran Bretaña tiña un Exército profesional, pero moi pequeno; case todo o demais, levas. O papel dos altos mandos nesta guerra era moi complicado, pero iso non lles elude da responsabilidade. Os soldados foron carnaza, maltratados e utilizados sen ningún tipo de consideración.

Só quedaba mirar cara atrás. Os maiores tiñan á súa muller, os seus fillos, unha profesión... despois da guerra seguirían aí. Pero os máis novos non empezaran a vivir. Esperábanlles os seus irmáns e os seus pais —cantos morreron chamando á súa nai entre bágoas— e como máximo, unha noiva. Eles só podían soñar e imaxinar o seu futuro... algo no que a metralla penetrou con facilidade. Moitos non souberon atoparlle sentido á súa vida cando finalizou a contenda.

bottom of page